Historia

O Colexio Fingoi foi fundado no ano 1950 polo empresario e humanista Antonio Fernández López, acolléndose á Lei de Centros Experimentais que permitía poñer en marcha unha serie de reformas de tipo pedagóxico.


Nos Estatutos deixa deseñado un Modelo Pedagóxico centrado nos Ciclos da Natureza, científico, de coeducación, de ensino globalizado e persoalizado, natural, experimental e experiencial que require dun profesorado implicado e comprometido coa reflexión sobre a práctica para ir dando resposta ás diferenzas individuais e ás novas necesidades e retos educativos de cada momento con afán innovador.

Tivo como primeiro director a Ricardo Carballo Calero, e como profesores a Anxel Xoan, José Cabanillas, Vicente Devesa, Chicha Fernández, Ana María Pardo Múgica, Pacios, Carlos Varela Veiga, e tamén a Xosé Lois Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Arcadio López Casanova, todas elas persoas destacadas pola súa traxectoria educativa, cultural e profesional.

Este proxecto tivo o seu xerme en 1948 coa creación da Escola Agrícola da Granxa de Barreiros (Sarria), fundada tamén por Antonio Fernández e dirixida polo mestre galeguista Avelino Pousa Antelo. Coa fin de extender este proxecto ao resto das escolas da provincia de Lugo e dignificar a cultura galega, organizáronse Cursos de Formación Agropecuaria para mestres/as rurais.

O Colexio formaba parte dun proxecto cultural máis amplo, o denominado "Centro de Estudos Fingoi", onde se concedían bolsas para investigación e estudo da Cultura Galega. 

 

FaLang translation system by Faboba

Rúa Aviación Española, 37 - 27002 Lugo - Tel: 982 221 630 - secretaria@fingoi.com - GPS: 42.998268, -7.554034