Aprender a ser, a pensar, a aprender, a convivir

Unha labor pedagóxica guiada polo amor á infancia, á investigación, ao progreso.
Unha metodoloxía probada e comprobada da investigación-acción para aprender...

...xogando, facendo, descobrindo, observando, interrogándose, anticipando respostas, experimentando, comprobando, xeralizando, cooperando...

Modelo experimental

 En 1950 créase o Colexio “para efectuar un Ensaio Educativo que ten a finalidade de procurar a solución máis eficaz aos problemas do ensino á marxe de todo aspecto industrial e de lucro” (Memoria e Estatutos 1960).

Unha comunidade de aprendizaxe en marcha

Consideramos a educación como unha tarefa compartida coa familia que require da entrega, ilusión e esforzo de todos, adultos e nenos, que xuntos aprendemos ensinando e ensinamos aprendendo. Pretendemos fomentar a cooperación e os proxectos colaborativos para ir converténdonos, cada vez máis, nunha Comunidade Educativa, de aprendizaxe e alfabetizadora, unha Comunidade que valora a creatividade, a investigación e considera o saber como froito da interacción social e da autoconstrución persoal.

Unha educación para a vida

O Proxecto Educativo de Fingoi sempre concedeu máis importancia á educación que á instrución.

Sabemos que a educación é unha tarefa compartida coa familia e coa sociedade na que estamos inmersos.

Crear hábitos de saúde e benestar e desenvolver factores de protección fronte aos riscos sociais, é o noso obxectivo primordial. Coidamos a calidade de vida no Centro: a organización de rutinas, a satisfacción das necesidades básicas dos nenos e nenas (actividade, movemento, comunicación, descanso, alimentación, xogo, hixiene).

Unha educación natural e medioambiental

"Usar a natureza, sen abusar dela” son palabras que dicía Don Vicente Devesa, mestre de Educación Natural, e que todos os que estudamos no Colexio Fingoi lembramos."

Nun medio rico e variado, onde o neno pode experimentar e reflexionar xunto aos seus compañeiros e profesores, aprende con máis facilidade, por iso propiciamos o contacto cotián e directo dos nenos coa natureza e o medio rural, facilitando o coñecemento da súa orixe e a súa dependencia da terra.

Unha educación artística

A Arte non é só unha materia máis, utilizámola en todas as áreas como aplicación das diferentes formas de representación e utilización dos diferentes formatos e soportes para tratar a información poñendo especial empeño en, dende un punto de vista histórico, filosófico, social, científico, matemático, desenvolver a sensibilidade estética dos alumnos habituándoos a poñer en práctica a súa propia creatividade e a disfrutar do patrimonio cultural, tanto do noso pasado como das vangardas e alternativas actuais.

Innovación e investigación educativa

Ao longo destes 55 anos, o profesorado analiza, reflexiona e mellora a súa propia práctica nun proceso continuado de investigación educativa, tratando de ir dando unha solución eficaz aos problemas que se van presentando, actualizando os seus coñecementos teórico -prácticos e seguindo un proceso de formación permanente que permite respectar os grandes principios que son os alicerces da fundación do Colexio e aplicar os resultados da crecente investigación psicopedagóxica realizada por diferentes investigadores nos últimos anos.

Fundamentos básicos do noso enfoque constructivista

O noso modelo de educación e de ensino, con enfoque construtivista, foise fraguando a partir da avaliación continua da tarefa docente e da análise dos resultados obtidos cada ano.  A vocación experimental e innovadora do Colexio, dende a súa fundación concrétase en catro fundamentos básicos:

  1. a investigación do profesorado
  2. a formación de alumnos investigadores
  3. a coordinación do profesorado
  4. a ampla participación familiar

Unha educación galega e intercultural

Dende os seus inicios, o Colexio Fingoi, foi moi respectuoso coa cultura galega: lingua, festas, historia, manifestacións folclóricas e artísticas, etnografía …. Somos conscientes da interdependencia, cada vez maior, entre os distintos pobos do planeta e pretendemos que os nosos alumnos se sintan europeos e cidadáns do mundo, crezan abertos, curiosos, respectuosos coa diversidade de pobos e persoas, conscientes do relativismo cultural.

Unha educación científica

Todo o quefacer educativo parte da curiosidade, o interese do alumno, que a través da súa acción directa, observación multisensorial, exploración e a experimentación, vai desenvolvendo a súa capacidade investigativa natural, evocando, asociando e relacionando coñecementos, anticipando respostas e comprobando as súas propias hipóteses.

FaLang translation system by Faboba

Rúa Aviación Española, 37 - 27002 Lugo - Tel: 982 221 630 - secretaria@fingoi.com - GPS: 42.998268, -7.554034